O PÚBLICO ESTÁ AQUÍ

Con Sabela Mendoza e Gena Baamonde

PRESENTACIÓN DO LIBRO «O PÚBLICO ESTÁ AQUÍ»

Sábado 5 de Setembro ás 17:00 no Auditorio do CGAC

O público está aquí recolle un traballo de investigación e de escrita arredor do público e a escena, propoñendo unha dobre lectura, entre a teoría e a práctica: por un lado un ensaio poético, por outro lado unha conferencia performativa. Dúas aproximacións ao espazo que ocupa o espectador nas artes vivas contemporáneas, as pautas que guían a súa participación e os xestos e accións que determinan a mirada.

Estas reflexións sobre o público discorren en paralelo a outras asociadas á construción da participación democrática, na procura dunha resignificación que supere a suficiencia das fórmulas e mecanismos. “Cara onde estamos mirando? Aínda podo ver?” son algunhas das cuestións que lanza o texto, inspiradas naquelas producións artísticas actuais que non podemos ver porque foron interrompidas ou desprazadas, e propoñendo un exercicio de desvío da mirada: “a danza é o presente máis intenso que coñezo”.

Sabela Mendoza (Santiago de Compostela, 1984) é investigadora e xestora cultural. O seu traballo está centrado nas artes escénicas e a creación contemporánea, especialmente no estudo da danza. Licenciada en Dereito (Universidade de Vigo), Máster en xestión cultural (UC3M) e Máster en práctica escénica e cultura visual (UCLM). Comeza a traballar como coordinadora de proxectos culturais no 2008 en Madrid, en institucións como a Residencia de Estudiantes ou a empresa i con i, na que dirixiu o Festival Ilustratour. Como profesional independente ten traballado como curadora, asesora ou xestora con Hablar en Arte, Teatro Pradillo, Consultarte, Colectivo RPM, Proxecta ou Curtocircuíto, entre outras. Desde 2016 reside en Galicia, onde tamén colabora co coreógrafo Javier Martín e coordina o Taller de público(s) no TRCDanza. No 2016 estrea a performance O público está aquí, presentada en Madrid, Montevideo, México e Galicia. Recentemente pon en marcha De corpos presentes, plataforma galega para as artes performativas contemporáneas. Escribe sobre danza en revistas e no seu blogue acuerpodebaile.com

Gena Baamonde, mullerona
Creadora, directora,  investigadora e intérprete cunha ampla traxectoria artística no eido da práctica escénica e a creación contemporánea, interesada nas prácticas artísticas bastardas e nos cuestionamentos da tríada sexo-xénero-sexualidade que atravesan os corpos. Formada en artes
escénicas, movemento e dramaturxia, así mesmo ten formación en igualdade, xénero e diversidade sexual. Está a desenvolver a súa tese de doutoramento, Sexualidades des-xeneradas na práctica escénica contemporánea.

Forma parte do consello de redacción da Revista Galega de Teatro. Entre os seus últimos proxectos escénicos, destaca a dramaturxia e dirección do espectáculo Elisa e Marcela para A Panadaría Teatro, traballo que recibiu, entre outros, o Premio María Casares á Mellor Dirección e Mellor Texto Orixinal, o Premio Luísa Villalta de Igualdade e o XIV Premio LGBT do colectivo ALAS.

Ven tamén de dirixir o espectáculo Neorretranca e Posmorriña para o Centro Dramático Galego e o proxecto Metodoloxías Carroñeras para corpos invertidos co colectivo Vacaburra.

INFORMACIÓN DO LIBRO

Título: O público está aquí
Autora: Sabela Mendoza

Publicación: Estraperlo

estraperlo.gal

Editor: Tono Mejuto
Deseño: Tono Mejuto
Corrección de textos: Lorena Paz López

Imprenta: Gráficas Mera, A Coruña
Edición: 1ª, decembro 2019
Tirada: 150 exemplares galego / 150 exemplares español

Dimensións: 10,5×18,3cm
Páxinas: 104

ISBN: 978-84-949791-4-9 (galego) / 978-84-949791-5-6 (español)